Would you like to make this site your homepage? It's fast and easy...
Yes, Please make this my home page!
INTRODUCCIÓN
á ASTRONOMÍA de POSICIÓN
Seminario Permanente do IES de Porto
do Son, IES Campo de
S.Alberto e IES Ramón
Cabanillas
Instrumentos de Medición
O Gnomon
Quizáis un dos máis antigos instrumentos
usados en Astronomía é o Gnomon. Simplemente consiste nunha
varilla clavada vericalmente no solo. Gracias a ela podemos determinar,
entre outras cousas, a liña Norte-Sur, a altura do Sol (medida en
graos) sobre o horizonte e incluso a altura de calquera obxecto.
-
Determinación da liña Norte-Sur
Unha vez situada verticalmente a varilla sobre o solo imos proceder
a marcar o extremo da sombra proxectada pola varilla a intervalos regulares
de tempo. Podemos levar a cabo este proceso dunha forma sistemática
anotando cada 5-10 minutos a sombra sobre o terreo e principiando a actividade
xusto cando o Sol incide por vez primeira na nosa zona de traballo e ata
ben entrado o día, ou podemos traballar menos sistemáticamente
(ainda que non menos efectivamente) si efectuamos as medicións a
partir das 11 ou 111/2 e proseguimos, cada 5-10 minutos ata
as 14 ou 14 horas e media.
En calquera dos casos, tomando como radio a distancia que separa a base
do Gnomon da primeira marca da sombra sobre o terreo trazamos unha circunferencia
cuio centro ven representado pola propia base do Gnomon. Cando a sombra
volva toca-la curva debuxada trazamos a corda correspondente; a súa
perpendicular polo punto medio ata a base do Gnomon vai representar a Meridiana,
ou liña que nos indica a dirección Norte-Sur. Por conseguinte,
xa temos definidos os catro puntos cardinais.
Outra forma de acada-lo mesmo resultado é observar cal das sombras
proxectadas polo instrumento é a máis curta e uni-la súa
marca coa propia base do Gnomon, o cal nos indica a meridiana.
-
Medida da Altura do Sol
Gracias ó noso instrumento podemos determinar con bastante exactitude
a altura do Sol sobre o horizonte de observación. Para elo non temos
máis que aplicar a relación matemática expresada a
continuación e obteremos o ángulo que define a altura do
astro sobre o horizonte.
Tanxente A = Lonxitude do Gnomon / Lonxitude da Sombra proxectada
A = ArcoTanxente de [Lonxitude do Gnomon / Lonxitude da Sombra proxectada]
|
-
Determinación da Altura dun obxecto
En principio, podemos averiguar a altura de calquera obxecto gracias
á proxección da súa sombra e a utilización
do Gnomon. No esquema seguinte podemos decatarnos da existencia da relación
entre a altura do obxecto que queremos medir e a altura do Gnomon, e a
lonxitude da sombra proxectada polo citado obxecto e a sombra proxectada
polo noso instrumento (que previamente colocaremos a unha distancia do
obxecto tal que a parte superior do Gnomon estea xusto no límite
luz-sombra).
H = Altura do Obxecto
L = Lonxitude da sombra do Obxecto
h = Altura do Gnomon
l = Lonxitude da Sombra do Gnomon
|
Evidentemente usando a mesma técnica non precisamos que o obxecto
en cuestión proxecte sombra. Para elo non temos máis que
apoiar a nosa cabeza no solo co gallo de aproximar ó máximo
un dos nosos ollos á superficie do terreo. Axudados por outra persoa
indicamos a distancia á que se debe situa-lo Gnomon (entre nos e
o obxecto en cuestión) para proceder como no caso anterior.
H = Altura do Obxecto
L = Separación entre o observador e o obxecto
h = Altura do Gnomon
l = Separación entre o observador e o Gnomon
|
-
Mencer e Solpor
Evidentemente o uso periódico do Gnomon permítenos observar
as diferentes traxectorias seguidas pola nosa estrela ó longo do
ano, o cal fainos ver que o Mencer e o Solpor non teñen lugar sempre
polo mesmo punto do noso horizonte.
Así, por exemplo, a saída do Sol varía progresivamente
do Surleste ó Nordeste (no transcurso das estacións Inverno-Primavera-Verán)
e dende o Nordeste ó Surleste (no transcurso das estacións
Verán-Outono-Inverno) . É dicir, no solsticio de inverno
o Sol sae máis cara ó Sur, nos equinoccios de primavera e
verán sae xusto polo Leste e no solsticio de verán sae máis
cara o Norte, polo que nesta época do ano é cando está
máis “alto” nas nosas latitudes, incidindo os seus raios máis
perpendicularmente sobre nos e producindo un aumento medio das temperaturas.